fbpx

Hosting por .

nautopia-estudio2

Que é Na Utopía? Coñécenos máis!

Antes de máis nada, que tal se nos presentamos? 🙂 Na Utopía é unha nova plataforma onde poderás aprender unha ampla variedade de disciplinas cunha ampla variedade de persoas, integramente en galego. A través dos nosos obradoiros online referentes a distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos, pretendemos, sinxelamente, aprender na nosa lingua. Para iso, queremos contar coas persoas que máis admiramos da creación en galego para que, por un tempiño, se convertan en docentes e partillen connosco o seu coñecemento e xeito de traballar.

Queremos que poidas aprender grandes profesionais, ben sexan persoas máis coñecidas ou emerxentes, e queremos pór en valor eses traballos que non se costuman apreciar o suficiente. Aquí poderás encontrar obradoiros de música, ilustración, escrita, programas de edición e moitas cousas máis.

Como funciona?

O noso traballo consiste en crear obradoiros online en formato audiovisual para que poidas aprender coas persoas que admiras, desde a comodidade da túa casa. En Na Utopía encargarémonos de condensar e estruturar o coñecemento dunha materia concreta en varios vídeos, que conformarán as aulas dos nosos obradoiros. Deste xeito, non será necesario que asistas a unha aula en directo nunha data concreta, senón que poderás comprar o obradoiro desa persoa que admiras para velo cantas veces queiras e aprender do seu proceso de traballo, cando e onde che apeteza.

Na Utopía non pretende substituír ningún tipo de ensino regulado ou presencial. Cada xeito de aprender achega cousas diferentes. Este quere ser un espazo no cal indagar sobre un hobby, ampliar os coñecementos sobre unha materia en concreto ou coñecer aspectos concretos do traballo dunha persoa. Isto é, se asistes ao obradoiro de iniciación á gravación e mestura de cancións, non substituirás os coñecementos de anos dunha persoa profesional  nestes ámbitos. Se decides seguir o obradoiro de Photoshop, non te vas converter da noite para o día nun profesional do Deseño Gráfico. Mesmo así, poden axudar no teu xeito de traballar, facer que aprendas trucos que non coñecías ou descubrir intereses que se cadra non sabías que tiñas. Poden servir para ampliares o teu coñecemento ou poden ser o inicio dunha longa carreira. Enriquecerán e complementarán, mais non pretenden substituír nada.

Crear comunidade

Só é preciso dar unha ollada ás redes sociais, pasear polos postos dun mercado ou asistir a unha actuación teatral ou musical para darse conta de que non hai por que ir fóra para desfrutar do traballo de persoas con moitísimo talento e dedicación. Parte da ilusión que hai detrás deste proxecto é movida pola necesidade de crear unha comunidade onde dar a coñecer todas esas persoas tan interesantes que temos no país, a través do seu traballo e coñecemento.

Que hai detrás

Detrás deste proxecto hai meses de planificación, traballo e dedicación para construír este pequeno mundo utópico. Tamén hai anos de formación académica e profesional que conflúen aquí para poder achegarvos este formato do mellor xeito posible. Detrás de cada obradoiro hai moito traballo compartido, tanto por parte da persoa que o prepara e o explica, como pola nosa, dándolle forma a esa idea e a ese material. Detrás da cámara, da edición de cada obradoiro e de cada aula, hai unha persoa aos mandos de todo. E, sobre todo, hai moita, moita ilusión.

Máis artigos

Por que en galego? Temos boas razóns!

Por que en galego? Por un lado poderiamos dicir que porque si, porque nos peta. É a lingua que empregamos desde sempre e no día a día, de maneira que non tería sentido para nós facelo doutro xeito.

5 vantaxes da formación online

Os nosos obradoiros online condensan nun tempo determinado, polo xeral non moi longo, unha materia moi concreta, á cal poderás acceder no momento en que queiras e tantas veces como sexa preciso.

Deixa un comentario