fbpx

Hosting por .

Sobre Nós

Na Utopía é unha plataforma de obradoiros online integramente en galego.

Na Utopía é unha plataforma de obradoiros online integramente en galego referentes a distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos. Con este proxecto pretendemos, sinxelamente, aprender na nosa lingua. Para iso, contamos con profesionais con experiencia nas súas correspondentes materias, xa sexan persoas máis coñecidas ou emerxentes, que se tornarán docentes para os nosos obradoiros.

Neles compartirán connosco o seu coñecemento e xeito de traballar.

Así, poderás comprar estes obradoiros para velos cando e onde queiras!

Que poderás aprender?

A temática dos obradoiros será moi diversa. Non queremos centrarnos nunha soa disciplina, aínda que a maioría terán que ver co aspecto creativo. Deste modo, poderás encontrar obradoiros de temáticas como a música, ilustración, fotografía ou artesanía.

Algúns poderán ser máis teóricos, outros máis prácticos, centrarse máis no proceso, ou ser máis conceptuais. Dependendo do obradoiro e de que persoa o dea, poderemos aprender a mesma disciplina desde moitos puntos de vista.

A idea é que, aos pouquiños, este proxecto se vaia enchendo de contido interesante e demandado en galego. Queremos rachar coa idea de relacionar o idioma só con certas temáticas e levalo a todos os aspectos posibles, xa sexan técnicos, creativos, divulgativos… 

Queremos atender tamén aos vosos intereses, saber o que vos gustaría aprender. Para isto, teremos tamén unha caixa de suxestións na cal podes escribir para nos contar que ou con quen queres aprender!

Quen está detrás do proxecto?

O meu nome é Lorena. Teño 30 anos e son deseñadora gráfica.

Son a persoa que está detrás de Na Utopía, desde a idea até a gravación e a edición.

Neste proxecto xúntanse moitas cousas importantes para min. Por un lado, a miña profesión en diferentes vertentes: tanto o deseño de todo o que podedes ver na web ou nos vídeos, a creación e edición dos mesmos, como o poder colaborar coa xente máis interesante do panorama galego. 

Só me fixeron falta 30 anos de vida e 4 de morar e traballar como deseñadora en Madrid para formar esta idea na miña cabeza e levala á realidade. Levo meses, por non dicir anos, a traballar neste proxecto, que xorde de procurar un xeito de aplicar a miña profesión a un proxecto que poida achegar algo á sociedade e que encaixe cos meus valores. 

Para min este proxecto é un soño feito realidade, un lugar en que poder xuntar todo o que me gusta e, ao tempo, tratar de contribuír co meu gran de area para loitas tan importantes para min como a do idioma.

Podes encontrarme tamén no YouTube na miña canle de ASMR en galego Na utopía non existe a vertixe ASMR ou tamén no YouTube ou no Spotify facendo parte de Gallifrey Ceive, un podcast en galego sobre Doctor Who, a carón de Jon Amil.