fbpx

Hosting por .

formacion

Por que en galego? Temos boas razóns!

Por que en galego? Por un lado poderiamos dicir que porque si, porque nos peta. É a lingua que empregamos desde sempre e no día a día, de maneira que non tería sentido para nós facelo doutro xeito. Porén, é ben sabido que o uso do galego non está nin moito menos no seu mellor momento, e este feito vaise agravando con cada nova xeración. Hai veces que algo tan sinxelo como falar a túa propia lingua é un acto de rebeldía e activismo.

Non nos escondemos. Facemos este proxecto en galego deliberadamente. Como tamén o facemos dun punto de vista feminista e da perspectiva da comunidade LGBTQIA+, por exemplo. Facémolo porque é necesario. Porque para conservar e manter a lingua viva, é imprescindible que teñamos contidos no noso idioma.

Moitas veces, os contidos que se fan ligados ao galego tratan sempre os mesmos temas. Alén disto, as máis das veces, continuando con certos estereotipos de lingua que serve para a tradición, mais non para a actualidade e o futuro, perpetuando uns tópicos e clixés que non fan máis que empobrecer o idioma. Afortunadamente, cada vez están a facerse proxectos máis interesantes e variados en galego. Por fin temos cada vez máis canles do YouTube, vídeos no TikTok, contas no Instagram de diversos temas, divulgación científica, música, podcasts e moito máis integramente en galego. Estamos a dar os primeiros pasos, ou achamos que polo menos os primeiros pasos en firme, para entendermos que non fai falta que mudemos de lingua para nos comunicarmos, que existe moita outra xente que fala en galego e quere comunicarse en galego. E é que temos que mencionar a importancia da internet en todo isto. É onde nós temos a opción de escollermos a lingua en que queremos comunicar o contido que subimos á rede, ben sexan chíos no Twitter, vídeos no Youtube, ou as entradas dun blog, xa que na maioría dos casos non podemos controlar en que idioma recibimos este contido. Cremos (ou queremos crer) que estamos desmontando cada vez máis a idea de que, para escribir algo na internet, tes que facelo en español ou en inglés. Porque o importante, disque, é a persoa que o consome, e sobre todo a persoa de ‘fóra’, e non a comodidade e naturalidade á hora de se comunicar da persoa que produce eses contidos, ou das persoas que si o van entender en galego. O punto de vista está de sempre posto fóra, e non dentro, en deixar a lingua na casa porque non serve, e non en enriquecela.

Aquí é onde entramos os novos proxectos que propomos facer todo tipo de contido en galego. Porque é imprescindible que o galego estea onde está a xente (e a xente nova) e en todo tipo de ámbitos. Temos a oportunidade por fin de desmitificar a idea de que certas cousas non se poden facer en galego.

Canto a nós, parécenos abraiante a cantidade de persoas interesantes, que teñen moito que contar e ensinar, e que o fan en galego. Por que debemos mudar de lingua entón para aprendermos sobre ilustración, sobre música ou sobre edición audiovisual, se temos persoas que se dedican a iso e o fan no noso idioma? Vémolo necesario, de feito, porque estar nestes espazos significa existir e dignificar a lingua. Colocala na altura que lle corresponde. Crear este proxecto en galego é, para nos, vivir na utopía.

Máis artigos

5 vantaxes da formación online

Os nosos obradoiros online condensan nun tempo determinado, polo xeral non moi longo, unha materia moi concreta, á cal poderás acceder no momento en que queiras e tantas veces como sexa preciso.

Que é Na Utopía? Coñécenos máis!

Na Utopía é unha nova plataforma. A través dos nosos obradoiros online referentes a distintos ámbitos creativos, técnicos ou divulgativos, pretendemos, sinxelamente, aprender na nosa lingua.

Deixa un comentario